Fedella na informática, en galego!

fedella enfeitizador galegoNeste caderno que me fornece de balde Opera, vou ir poñendo as miñas traducións en galego. Coma un cativo que trebella con todo canto pasa polas súas mans, así se pode chamar a miña experiencia nas computadoras.


En primeiro lugar: My Opera?

MyOpera

Opera foi o primeiro navegador que coñecín lonxe do Internet Explorer. Viña nos disquetes das revistas de informática, tamén había un tal Netscape Navigator, que me parecía feo a máis non poder.

Daquela non tiña computadora na casa para poder navegar por Internet, tiña unha moi básica que funcionaba con MS-Dos, Windows 3.1 e WordPerfect 5.1, e con todo iso dábame abondo (ai, aqueles tempos…). Co gallo dun intercambio cultural, fíxoseme algo máis necesario entrar na rede, ter un correo-e para manter o contacto, e máis cousas. Así que tocaba visitar cibers. Todos iguais, con Internet Explorer ou Netscape. Inda que entrase na páxina de Opera non podía instalar. Ata que, de casualidade, entrei nun bar que tiña un mini-ciber, e topei co dono instalando o sistema, e pregunteille se me podía instalar este programa… e con isto, puiden usar Opera por primeira vez.

Opera 4

Alí quedou, Opera instalado no PC-2. Aquel navegador que traia unha cabeceira publicitaria e inda así non me parecía molesto. Sempre volvía a esa máquina, ata que comezou a estar ocupada (e empregaban o Opera!). Polo cal tiña que usar outra, ata que me dei conta que podía fedellar coa computadora, non tiña permisos e desas cousas que vía noutros cibers. E aló vai, instalado de novo.

Como na casa non podía navegar, instalábao, rebuscaba e retocaba por todas partes os axustes, descubría o montón de cousas que traia incluído, e levábame un chasco cando algunha función requiría de conexión á rede 😀 E tal foi a cousa que remexendo no cartafol de instalación había un que poñía “locale”, os ficheiros de tradución! e o Caderno de Notas do Windows permitíame abrilo e editalo (tamén o WordPerfect a conta de cargarse o ficheiro :P). Despois de moito esforzo, liñas, e copiarse traducións do castelán a cousas que non entendía, completei a tradución en galego.

Opera 5

E así foi como empecei a empregalo en galego, con tradución propia. Púxenlla ao resto de computadoras daquel bar. Se ao pouco de instalalo navegaban co Opera, agora facíano en galego coa miña tradución, a cal levaba nun disquete aló onde ía, mágoa que en poucos lados o puiden empregar, ou ben non podía acceder ao sistema ou o disquete se malograba no camiño, cousa que amañei ao moverme pola páxina de Opera e ver que se podía colaborar subindo versións traducidas do ficheiro de lingua. Ao tempo de ofrecer a tradución, mandáronme dende Opera un convite de agradecemento, que era nin máis nin menos que un código para poñer completo o novo Opera que ían estrear (eliminaba o báner.

A miña presenza en Internet era inconstante, estaba estudando, supoñíame desprazamento e cartos, polo cal, non ía moito ao ciber. As veces que o facía, íame mergullando na rede e coñecín outros proxectos que apostaban polo galego na informática, páxinas como xeise, en galego ou Galego21… e aquí perdín a ilusión.

Opera 6

En Galego21 coñecín o novo Proxecto Xis de tradución de programas ao galego. Soaba interesante. Indaguei máis e cheguei á nova de que facían un acordo con Opera para que o galego estivese presente. Era unha estupenda nova ata que vexo que a súa primeira tradución era para o Opera v5.21 e todo me resultaba familiar, agás unha sinatura de “galego21.org – o galego no terceiro milenio”… tradución propia deles? Pregúntolles de onde sacaron a tradución e, a día de hoxe, non obtiven resposta.

Unha total perda, dado que logo esta xente decantouse pola tradución doutro navegador, deixando totalmente abandonado Opera (traduciron o Netscape, facéndoo propio coma Navegador Xis, que logo desbotarían para pasarse ao Mozilla),… para que asinas un acordo se despois vas abandonar a tarefa? Coller o traballo feito, retocar catro cousas que non concorden, tarefa doada e publicidade pola cara.

Opera 7

A pesar desta trapallada que fixeron, seguín a usar a miña tradución renovándoa aos poucos, coa versión 6 a cousa aumentara en cadeas e non podía probar toda canta característica tiña, polo que traducía só a parte visible. E xa coa chegada da versión 7, con Internet pero metido noutros sarillos que me quitaban tempo de lecer, deixei de traballar nela. Por moito que fixese, a tradución non tería validez real, non se integraría no instalador ao non ser un traballo do grupo de tradución oficial.

Así pois, para o arquivo quedaron esas traducións: a v5.12.0932 completa, a v6.06.1145 con bastante traducido e, tamén, a moi pouco coidada v7.21.3218 (recoñezo que non estaría nin o 30% cando dixen que ata aquí chegaba), que podes atopar na páxina de Opera: http://www.opera.com/download/languagefiles/?lng=5 (xa non están dispoñibles).

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s